Presentación

A Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) é unha axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia de economía pero con personalidade xurídica propia diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con patrimonio e tesouraría propios e autonomía de xestión nos termos que precisan as leis.

A Axencia Galega da Industria Forestal ten como finalidade actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada á industria forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación e tecnolóxicos vinculados á industria forestal.

En particular, a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) perseguirá, entre outros, os seguintes obxectivos:

  • Mellorar a competitividade e a innovación das empresas do sector forestal desde a primeira fase de transformación do recurso, e con especial incidencia na segunda e seguintes fases.
  • Incentivar o deseño de produtos derivados do sector forestal na procura de solucións estruturais verdes que contribúan co ambiente.
  • Impulsar a creación de emprego de calidade no medio rural.
  • Incentivar a mellora da formación e a cualificación do persoal empregado no sector forestal.